sábado, 19 de febrero de 2022

TRES FEIXES DE FERRAIA

Erguín cedo. Ó pouco de saír o sol. Púxenlle ó burro a albarda e as angarellas e marchei para as Pedradarcas a coller tres feixes de ferraia. Entre feixe e feixe fumaba un cigarro. En cada cigarro, tusía. Mesmo semellaba que botaba os bofes ou a alma pola boca. O burro, de cando en vez, mirábame de mala maneira. Para min que entendía perfectamente o que estaba eu a facer. Sabía que ó final tería que cargar cos tres feixes de ferraia. E por un camiño malo de solemnidade; cheo de coios e con bastante auga. Había un carreiro á beira da propia carreira, pero era tan só para as persoas.


O burro, efectivamente, nin era parvo nin tiña nada de burro. Pois cando empecei a cargar os feixes nas angarellas, a maiores de mirarme mal, moneou con certa desesperación a cabeza. Non lle fixen caso, claro. Carguei os feixes e suxeitei a carga coa reata. Puxémonos ó camiño. El colocando os pezuños con coidado por entre os coios e eu tremendo que a carga non se torcese. Non me gustaría goldrar para endereitala. A auga estaba fría porque facía tamén frío.

Pasado o mal trago, ou sexa, o mal camiño, todo foi xa coser e cantar. Ó chegar á casa liberei ó burro da carga e metín os feixes na palleira. Un deles xa o repartín polos pesebres das vacas. Cando chegase o pai con elas de arar o Outeiro Miau xa tiñan o xantar preparado. Ó burro, como non, tamén lle botei un mangado e deille a beber auga nunha pequena caldeira. A maiores deille uns carrouchiños de millo, que ben os merecía.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 19 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario