martes, 22 de febrero de 2022

POLO UNIVERSO DOS SOÑOS

Todos os barcos sucan mares e océanos; menos a miña Perla Negra. A miña Perla Negra navega polo universo dos soños intentando ver unha estrela fugaz. Imos de cometa en cometa buscando o planeta da felicidade e o asteroide do desexo. Son malos de atopar. Pero a este Jack Sparrow, que son eu, non se lle resiste nin tan sequera o infinito e máis alá. Os satélites son coma illas desertas e o espazo sen fin é coma o devezo de sentir, coma a ansia de vivir.


O ronsel que deixa a Perla Negra é coma ese marabilloso monólogo que Robert De Niro nos deixa caer en “Taxi Driver”. Desde proa ou a popa, desde babor ou a estribor, xa me dá igual, contemplo o silencio do universo. Ese silencio no que os sentimentos van e veñen e aboian e se pegan coma sombras ó casco da miña carabela.

Aterro ou arribo a Perla Negra nos aneis de Saturno e, alí, durante un tempo, imaxino unha ilusión na que todo sae a pedir de boca e deixo que a inercia escriba uns versos para que planen sobre ese tempo que non ten medida, que dá igual que pase ou se que deteña. Ás veces a felicidade consiste en quedarse só e en silencio pola inmensidade do universo.

Cando me cadra, e con calma, reinicio a navegación coa Perla Negra para visualizar ou descubrir a estrela fugaz dunha realidade definitiva. Unha realidade que abarcará, ou mellor aínda, abrazará, cinguirá esa felicidade eterna. Felicidade pola que cruzo todo o universo dos soños.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 21 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario