domingo, 24 de abril de 2022

A PONTE DO MUÍÑO DA LUZ

Desde a ponte do Muíño da Luz contemplo as augas do río Sor ou río de Maceda e vexo que baixan impetuosas, con forza, quizais levando consigo os recordos de cando, un servidor, cruzaba por alí unha e outra vez. Unha e outra vez cando ía cargar as gavelas de toxos que o pai rozara de mañá cedo na poula da Lagoa de Almoite, ou cando cruzabamos co burro camiño da “molinera” de Foncuberta; ó ir, coa saqueta de millo ou centeo e, ó volver, coa mesma saqueta chea de fariña.


Por esa ponte do Muíño da Luz tamén atravesabamos a miúdo cando, de rapaces, iamos roubar ás froiteiras de don Pepe, ou sexa, cando iamos á prea. E aproveitabamos para cortar algo que nos chamaba a atención: as canas de bambú; pois, que eu recorde, era o único sitio onde as había, ou polo menos do que eu sabía. Tales canas valían para varas de tanguer as vacas e, principalmente, para pescar. Porque eran longas e dereitiñas. Lembrar que, de rapaces, adoitabamos pescar cun pau calquera, con tal de que fose algo longo. Atabámoslle a sedela e, ale, cana armada. Pero ter unha cana de bambú era algo así como máis profesional. Pobres infelices.

Apoio o traseiro contra a varanda da ponte do Muíño da Luz e deixo que os anos 60 e 70 asomen á miña vida. Mesmo por aí tamén andabamos certas mañás en que, algúns, decidiamos latar a escola. Eu era dos que menos, pola sinxela razón de que o pasaba moi mal pensando en se a Lola da Amparo se decataba de que un servidor faltaba ás clases. Era ela a tal para andar con lerias.


Finca Fierro. Domingo, 24 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario