viernes, 22 de abril de 2022

ANDANDO, QUE É XERUNDIO

Acabo de chegar do centro; a onde fun andando. E volvín andando. Eu ando moito. Ando para alí. Ando para acá. Cando máis ando é cando leo. E como estou lendo case todo o día... Agora, se quero, incluso sei os pasos que ando diarios. Non os digo para que non vos asustedes. Á parte de que ando moito, gústame andar. Se quero tamén ando sobre as augas; como Xesucristo. O que pasa é que eu móllome. El non sei se se mollou. Nós, ou sexa, os da miña zona e os da miña época, o andar sobre as augas chamámoslle goldrar. E estou algo preocupado porque non sei se o diciamos e o dicimos ben, xa que na RAG (linguaxe abreviada), é dicir, na Real Academia Galega (linguaxe estendida) aparece con outro significado que non ten nada que ver co das augas. Ou usabamos mal a palabra ou a usamos só pola miña zona. A miña zona non é necesario que a diga porque Baños de Molgas é unha vila que a coñecen en todo o mundo universal ou en todo o universo mundial, que é o mesmo, pero sempre é máis bonito aclarar as cousas.


Digo que ando porque me gusta andar, e quero andar. Ando por debaixo dos balcóns e polo medio da estrada cando non hai tráfico. Ando desde Ramiras ata o alto dos Castros e ando polos bosques da nostalxia. Por andar, ás veces tamén ando co sentido no aire ou coa carraxe nas neuronas da conciencia. Todo hai que dicilo. Ando de aquí para alá e de alá para acá. Ando sobre a melancolía dos soños e sobre os latexos do desexo. Aínda que, sobre estes, iso si, ando amodiño. E segundo uns marchan porque teñen que marchar, eu tamén marcho polo mesmo. Pero marcho andando. Como debe ser.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 21 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario