viernes, 29 de abril de 2022

O BERRO DO EIXE DO CARRO

Estou na terraza dun café e non sei como colocarme. Se me poño ó sol, abrásome. Se me poño á sombra, non me vexo. Son pouca cousa, malo de ver. Porque non avulto un carallo. Tamén é certo que pouco hai que ver. Son como son e como me pariu a Lola da Amparo. Son o carro no que carguei a esperanza e a conciencia. Conciencia teño moita e esperanza algunha. Porque nunca a perdo. Son o berro do eixe do carro porque hai pensamentos e sentimentos que pesan o demo. E hai nostalxias que mancan e mesmo doen. Cando algo doe hai que berrar.


En principio coloqueime á sombra. Para que non me vexan. A min chégame con sentirme. E síntome. Sei que estou aquí, á beira da estrada; ás veces mirando para os coches que pasan e, por momentos, buscando sorrisos deses que abarcan un mundo ou toda unha caixa de esperanza. Xa digo que a esperanza é pouca, pero está aí. A esperanza é como esa bufarda dos faiados: que adoita ser pequena, pero que por ela penetra a melancolía da historia que pode ser. Hai que dicilo: hai esperanza!

Vou marchar da terraza e entón si, entón xa me coloco na beirarrúa para poder seguir. Para poder seguir ó sol que abrasa e pola sombra na que non son nada. Porque nin eu mesmo me vexo. Non obstante, non hai como pasar desapercibido. Sentar, por exemplo, debaixo dun balcón e esperar a velas vir. A vida pouco máis é.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 29 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario