domingo, 17 de abril de 2022

ROSAS DE COR CHAMPAÑA

A tarde estaba quente pero ameazaba chuvia. El meteuse no café e sentou ante a barra. Mentalmente empezou a compoñer unha canción. Nun papel dispúxose a escribila. Para Ela, claro. Para quen, se non... Levaba dous anos facéndolle as beiras a base de cancións. Cancións que gravaba en mensaxes de voz e que lle mandaba por WhatsApp. Ela contestaba tan só cun grazas. Ó mellor era porque non lle gustaban. A El gustáballe Sabina e Ela seica escoitaba moito a Ricardo Arjona. El non sabía quen era este.

El todos os días, a maiores das cancións, escribíalle versos que tiña intención de lle regalar cando completase un libro. El chamábao O libro máis romántico que se escribiu nunca. Dedicado a Ela. Todo o libro era Ela. Ela era cada verso e cada poema. El era unha alma en pena.


Saíu do café cantaruxando esa canción que inventou para Ela. Segundo cantaba, notaba como a nostalxia rabuñaba sobre a súa ansia. A ansia de amar. Sen saber como, entrou nunha floraría. Acababa de decidir regalarlle unhas flores, unhas rosas. E como só coñecía as de sempre, as vermellas, cara á elas se dirixiu. Non obstante, a vista fóiselle a unhas que había á beira. A El pareceulle que eran de cor champaña. E segundo a dependenta, eran de cor champaña. Comprou unha ducia e correu para a casa dela. Desde a beirarrúa cantou a canción que compuxera cara ó balcón e cando Ela saíu, ofreceulle o ramo de rosas. Ela abriu os seus beizos vermellos nun enorme sorriso e soubo naquel instante que nunca sorrira tanto e tan ben. El notou, agora, como a felicidade se metía nas meniñas dos seus ollos.


Finca Fierro. Domingo, 17 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario