sábado, 9 de abril de 2022

MONSIEUR BENZEMA

Se falo da guerra, cabréome. Se falo do Real Madrid, tamén me cabreo. Pero case prefiro falar dos merengues, porque a guerra, a maiores do cabreo, dá moita pena. Ata que tiven vinte e algo anos fun un fanático do Real Madrid. Agora son tan antimadridista que, segundo algúns anti lles gustaría que desaparecese o equipo madridista, eu non, eu non quero que desapareza; eu quero que xogue e que perda todos os partidos de penalti inxusto. Para que saiban o que é a carraxe. E antes de que algúns fagan lume cos dentes, tan só lles vou poñer dous exemplos para que pensen profundamente neses “así, así gana o Madrid”. Dous exemplos que veñen de dous auténticos personaxes madridistas.


Todo merengue sabe quen foron don Alfredo Di Stéfano e don Jorge Valdano. Di Stéfano, despois de don Santiago Bernabeu, foi o máis grande que deu o Real Madrid. Pois ben, este ex presidente de honor confesou sempre que o Madrid era o equipo do Réxime. E don Jorge Valdano, sendo director técnico dos merengues, nun faladoiro televisivo dixo que tanto o Madrid como o Barcelona partían todas as temporadas (todas) con dez puntos de vantaxe sobre os demais clubs, grazas ás axudas arbitrais e de despacho. Repito: non o digo eu, que o dixeron dúas auténticas institucións madridistas.

Non obstante, e a pesar de todo iso, aquí tedes a un antimadridista que, desde un principio, mesmo cando o equipo técnico, os directivos e os afeccionados, querían botar ó Benzema, eu, este antimadridista, defendino sempre, chegando incluso a confesar que era moito mellor que Cristiano Ronaldo e que Modrić. E non estou a subirme ó carro da actualidade dese xogador. Teño a un fillo de testemuña, de que sempre lle confesei a miña admiración por monsieur Benzema. Sei que moito non entenderei de fútbol, pero creo saber distinguir a calidade; e o primeiro día que lle vin tocar o balón xa souben que ese tipiño me traería de cabeza; para ben e para mal. Por iso estou algo asombrado deses “grandes afeccionados”, que non hai moito que o crucificaban e agora... agora é un Deus intocable. Eses mesmos afeccionados que nunca puideron ver a Francia (pola rivalidade veciñal) e que desde que semella que Mbappé pode ser deles, os tales franceses xa son dignos de admiración. Que pouca cabeciña temos. Pero, si, é mellor esta guerra de egos que a de Ucraína e Rusia. Na futbolística hai carraxe e poida que malas palabras, pero sen mortes, sen tantas mortes (que ás veces tamén as hai).


Finca Fierro. Sábado, 9 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario