martes, 26 de abril de 2022

SUPERANDO UN RÉCORD MUNDIAL

Confeso que practiquei moito. Practiquei durante dúas semanas e a oito horas diarias. Grazas a iso, ós dous meses xustos, xa superei o récord mundial. O de andar para atrás. Supereino en distancia e en tempo. E aseguro que non é nada fácil andar para atrás. A miña gran vantaxe con respecto ós outros nove concursantes foi a de facer o percorrido a ollo. Explico: os demais, ó andar para atrás, facíano sempre volvendo a cabeza continuamente. Mentres que eu, ó saír, é certo que tamén mirei para atrás, pero tan só durante dous segundos. Dous segundos nos que, a ollo, analicei o percorrido. E feita a visual, a miña concentración púxose toda ela en mover os pés, e non en saber se ía dereito ou se me torcía no camiño. Nese simple feito ganeilles moito espazo e moito tempo.


Foi acadar o récord e, zas, os medios de comunicación botáronseme enriba, as celebracións chovían a mares, as homenaxes choutaban de concello en concello, e mesmo a Deputación de Ourense instalou un banco de pedra co meu nome no Outeiro do Corno, que axiña o catalogaron, claro está, co banco con mellores vistas do mundo. Porque desde alí podíase apreciar toda a fermosura do val do Medo, do monte de Pinouzos, de Detrás das Poulas e, como non, ó lonxe a marabillosa vila de Baños de Molgas e o Outeiro de Brandín, por onde se poñía o sol. E xa todos sabemos o que significa unha bonita posta de sol. A moitas mesmo se lles aplaude. A min aplaudíronme por superar o récord mundial de andar para atrás. Un artistiña!


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 26 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario