sábado, 16 de abril de 2022

AQUELA SEMANA SANTA

O tempo pasa e todo cambia. A Semana Santa tamén. Tamén pasou xa e tamén cambiou. E vaia se cambiou! Cambiou como da noite ó día. Nos anos 60-70 sentiamos a Semana Santa baixo o prisma da devoción relixiosa. Na actualidade sentimos e vemos a Semana Santa como fervor turístico. Xa só que sexa nos seus dous festivos, ou sexa, Xoves Santo e Venres Santo, que, na actualidade, a maioría os colle xa como festivos enteiros; mentres que, antigamente, a auténtica festividade empezaba ás doce do mediodía do xoves e alcanzaba ata as dez da mañá (creo) do venres. Por certo, e que non te pillase a Garda Civil arando, por exemplo, ás doce e media da mañá do xoves. No Xoves Santo, ó chegar as doce, repicaban as campás das igrexas e había que recoller, pero xa!

Creo que todo o mundo cristián cando oe falar da Semana Santa ou cando pronuncia esas dúas palabras, á súa mente asoman as procesións, as misas, os festivos e, agora, a festa turística. Para min, naquelas dúas décadas citadas (e agora mesmo tamén), dicir Semana Santa era dicir sementeira das patacas. Tal cal. Non pensaba nas procesións nin tan sequera nas vacacións, senón en que sabía que me tocaba sementar as patacas. Sempre. Todos os anos. Caese no calendario onde caese a Semana Santa; os pais aproveitaban que pillabamos vacacións e, ale, a botar unha man.


De rapaz sempre me acordarei do desencravo no santuario dos Milagres. Para ben e para mal. Para ben, porque cando ía, pois recoñezo que me gustaba aquilo. Para mal, porque había anos que por culpa das putas patacas non podía ir. E o peor de todo era que, desde A Cortiña, desde a finca onde as botaba vía un bo traxecto das pista que vai ós Milagres e ó ver á xente dirixirse ó desencravo, era como unha labazada, como unha crucifixión para a miña vida.


Aínda que o peor recordo que teño da Semana Santa era o Domingo de Pascua. É que sempre se me vén máis á cabeza ese recordo que o da propia pascua da madriña Delfina... o dos malditos ovos que lle había que ter ó cura cando pasaba a bendicir as casas. E bendicíanas todos os anos, como se as casas pecaran. E nós, de rapaces, sen poder probar un ovo (porque se vendían), mentres ó señor cura se lles regalaban media ou unha ducia deles. Aquela cestiña de ovos non se me vai da cabeza.


Finca Fierro. Sábado, 16 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario