miércoles, 13 de abril de 2022

HEROICIDADE DE PACOTILLA

Sabedes que son home de actos heroicos e que mesmo me apunto a un bombardeo. Como o outro día. O outro día, tan axiña como erguín da cama (de noite, antes de durmir, sempre tramo o que ninguén se imaxina), chamei a certos medios de comunicación, entre eles, a TVG e Telemiño (a Auria non, porque xa está copada), para que seguiran en primeira fila o acto que quería realizar en Cabeza de Meda. Cando lles expliquei o que quería facer case me mandan a tomar por aquel sitio. “Alá vós”, rematei dicíndolles.


Eu, sen andar con días santos, para Cabeza de Meda marchei. Cando estaba chegando xa vin algo de movemento xunto ós eólicos e souben ó momento que, ó final, os medios fixéranme caso. Alí estaban todos os convocados. Logo do típico saúdo e sen máis preámbulos, ateime a unha aspa dun aeroxerador ou muíño de vento. O reto era sinxelo: quería saber canto podía aguantar dando voltas.

Ós medios de comunicación dixéralles que se aguantaba tres días xa pasaba de heroicidade. Na quinta volta das aspas xa botaba os fígados. Na décima seica xa me desmaiara. E na décimo quinta a miña cor xa ninguén sabía que tonalidade tiña. Optaron, claro está, por parar o muíño eólico e meterme nunha ambulancia que saíu de alí a fume de carozo. Xa sei que foi unha heroicidade de pacotilla, de cagar entre o millo; pero polo menos intenteino. E tamén sei que non tardarei en volver; só que sexa para saber se consigo pasar desas 15 voltas. A min non me mete medo nada!


Finca Fierro. Mércores, 13 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario