viernes, 22 de abril de 2022

MOITA NOSTALXIA

Xunguín as vacas e apúxenas ó carro. Marchei para o monte de Pinouzos e, alí, en Barricobos, carguei 90 gavelas de cancións de Sabina. Cando crucei de volta o río Arnoia o ruxerruxe da auga soaba igual que as bandas sonoras de Ennio Morricone. Mentres que o son da presa da Porfía era máis ben de John Williams.


Como os versos de Sabina pesaban, de cando en vez, dáballe un descanso ás vacas, ó mesmo tempo que imaxinaba ós indios de Raoul Walsh asomando polo Outeiro Barbeiro e o Clint Eastwood de Sergio Leone disparando por entre os amieiros do Río Vello. Entre medias, os diálogos de Johnny Guitar mesturábanse coa señardade dun tempo que xa foi e que nunca volverá. Ou co bambán duns soños dentro dunha sala escura.

Tanguín de novo as vacas e o eixe do carro entrou en Baños de Molgas ó ritmo da guitarra española de Jerry Goldsmith en “Bajo el fuego”. Cando cheguei á casa descarguei as cancións de Sabina sobre as xa estradas, estrumadas de Melendi. Agora, todas mesturadas, quixeron entrar nas películas de Christopher Nolan, que xa son palabras maiores. Non obstante, a rúa da Igrexa era e é territorio comanche de John Ford, John Ford e John Ford, con permiso de Orson Welles, que quedaba como discípulo. E un servidor... un servidor entrou na corte para abrigarse na música de Vangelis e no ritmo de Hans Zimmer.

Con parsimonia, prendín as vacas no seu lugar correspondente e deixei que a “Negra sombra” de Rosalía, Luz Casal e Carlos Núñez se metese polas entrañas dunha melancolía preñada de tristura e moita nostalxia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 22 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario