jueves, 28 de abril de 2022

GRAZAS Á VECIÑANZA

Isto é un sen vivir! Onte, segundo entrei triunfal en Baños de Molgas coas cabezas dalgún rusos nas alforxas, xa me estaba esperando un empregado municipal. Que as hostes castelás estaban cruzando A Canda e o Padornelo para conquistar Galicia, a miña Galicia. E iso si que non! Non precisaba ningún aliciente para largarme alá. Como a distancia era longa, prescindín do burro Metralleta e optei polo AVE ata A Gudiña. Tamén cambiei de arma. En vez do fouciño collín o sacho. Porque non é o mesmo matar a uns que son do quinto inferno que zumbarlle a uns veciños. A veciñanza, para este Rambo molgués xusticeiro, é algo sagrado.


Hoxe en día transportar un sacho no AVE é complicado e case non procede. Pero achaqueilles que, debido a que todo vai xa con maquinaria, o levaba para un museo que armaran na Mezquita. Penso que moito non me creron, pero... Pero non tardei en ver as hostes castelás espalladas polos montes do Padornelo. Eran máis do dobre dos rusos do monte Medo. Como mínimo uns cincocentos.

Non obstante, e coma onte, golpe a golpe, paso a paso e piornos tras valados, os casteláns quedaban derreados e coas cabezas medio abertas. E que lles dean grazas á veciñanza, que se me guío polo amor á miña terra, o meu deber case era deixalos xa máis que enterrados. Se para os rusos precisei de dúas horas, para os casteláns fixéronme falta cinco. Non é o mesmo caer dun tallo de fouciño que de tres ou catro golpes de sacho. E caeron todos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 28 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario