domingo, 10 de abril de 2022

A PRIMEIRA IDEA É A QUE VALE?

Din que a primeira idea é a que vale. Ou non. Depende. Moitas veces se me guío pola primeira idea, adoito esbardallar de tal maneira que non procedería a publicación dalgunhas frases ou desexos. Como a experiencia vale un grao, agora cada vez que me acaloro, penso nesas animaladas que podo dicir e intento deixar pasar o tempo para que se arrefríe o asunto.


A miña primeira idea ante a caza de bruxas que se lle intenta facer a Néstor Rego, do BNG, porque seica non lle aplaudiu ó presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, cando o outro día interviu no Congreso dos Deputados, foi a de cantarlle as corenta (no plan ese da primeira idea, ou sexa, de escribir frases cheas de carraxe) a eses, agora, moralistas de pacotilla. Por que non se pode discrepar en certos asuntos? Por que se censura a liberdade de expresión? Si, xa sei que é porque se entende que non condena ós rusos na guerra ucraína. Sabemos realmente quen ten razón? A proba é que hai países que defenden a Rusia, como os hai que a condenan. Tan só a historia será a que dite sentenza. Eu estou no lado dos que condenan a Rusia, pero coa liberdade de dicir que hai xente que ten dereito a opinar de distinta maneira.


A primeira idea é a que vale. Ou non. Porque se me guío por eses que desexan a autodeterminación do Sáhara Occidental (eu entre eles), por que non defenden de tal maneira, por exemplo, a autodeterminación de Cataluña. Digo eu. Non sei. Si, mellor é non seguir os pensamentos da miña primeira idea. Mellor, moito mellor.


Finca Fierro. Domingo, 10 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario