jueves, 14 de abril de 2022

OUTRA DE ESPÍAS

Cando cheguei á estación do ferrocarril de Baños de Molgas xa vin a catro pasaxeiros esperando o tren expreso. Como persoa educada que son, saudei cun boa noite e eles tan só menearon a cabeza. Non obstante, un deles axiña se achegou e... “e ti de quen ves sendo?”, preguntoume sen cortarse para nada. Non lle mentín: son o fillo da Lola da Amparo ou o fillo do Manolo da Lola da Amparo. “E para onde vas?”, seguiu dálle que dálle. Saio a buscar mundo, foi a miña resposta.


Desde aquel momento souben que os tipiños eran espías. Notábaselles ás leguas. Menos mal que axiña chegou o tren, e aínda que eu subín a un vagón e eles a outro, aquilo pintaba mal. Empecei a desconfiar de que eles tamén descubrisen que eu era o espía que espiaba na burga de Baños de Molgas.

E aínda que a miña intención era chegar tranquilamente ata a capital do Imperio, ou sexa, a Madrid; mais visto o visto tireime do tren en marcha antes de entrar en Poboa de Sanabria. Non esnafrei de milagre, porque era noite pecha e non se vía un carallo. Cando erguín conseguín adiviñar o viaduto que había a uns cinco metros xustos (lembrade que a mellor medida que existe é a de “a ollo”). De milagre!; puiden caer no río que se oía moi ó fondo e afogar.

Cando cheguei á vila zamorana esperei ó seguinte tren e, alí, na plataforma de estación, bailei un twist á memoria dos catro espías. Pobres espías que nin se decataron de que xa non ía no tren.


Café Sports Century. A Valenzá. Xoves, 14 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario