domingo, 30 de abril de 2023

ANDAR SOBRE AS AUGAS

Quero ser o primeiro home en andar sobre as augas. Iso que din que fixo Xesucristo é un conto. Un conto moi grande e contado sen vergonza ningunha. Podo admitir o dos pans e os peixes, porque sería fácil dicirlle ó panadeiro: trae racións dobres ou triplas que quero deixar a estes coas bocas abertas. Sería fácil dicirlle ó peixeiro: trae a pesca toda para que pensen que son un gran pescantín. Pero andar sobre as augas... iso é capítulo á parte. Ó mellor pensaba que os demais eramos parvos.

Practicamente todas as tardes de verán quería andar sobre as augas do río Arnoia onde está hoxe a ponte de Pinouzos ó ir coas vacas para o monte, mais non me quedaba outra que, ou choutar de pasal en pasal ou goldrar o río. Goldreino moitas veces porque, de cativo, aínda non alcanzaban os meus saltos os pasadoiros. Ó goldrar non había maneira: os pés afondaban e afondaban, non se sostiñan sobre as augas. Tiña que remangar o pantalón ata polo menos os xeonllos se quería cruzalo. E había que cruzalo porque as vacas xa estaban no outro lado.


Outra cousa era se levaba o burro (non se levaba sempre porque había que ir con el buscar os feixes de ferraia ou de nabos ou de outono ou ó muíño), que entón cruzaba o Arnoia a cabalo del. Unha vez cheguei a cruzalo montado nunha vaca, aínda que estaba xunguida a un carro de herba. Fóra de todo isto, o de Xesucristo andando sobre as augas... iso que o predique no deserto. Eu quixen facelo e molleime.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 26 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario