lunes, 17 de abril de 2023

O ACÓLITO LADRÓN

Debería ser cura. Oito anos estudando con eles nos Milagres. A maiores, e fóra deses anos, ese recinto é tan especial para min que sinto un amor condicional por el. Moi a miúdo (porque tiña a casa pegada á igrexa de Baños de Molgas e porque miña nai obrigaba ir á misa todos os domingos, festas de gardar e rosario diario), facíalle de acólito a don Manuel Pulido. E tamén sempre fago o amago de cantar a ladaíña dos responsos. Debería ser cura.


Claro que, se para ser cura, non se podían cometer pecados (é un dicir), eu xa non valía. Amais dos típicos insultos correndo detrás das vacas, na etapa de acólito era algo así coma un ladrón. Aproveitando que podía entrar na sacristía, as hostias, as obleas que don Manolo tiña nunha caixiña redonda, voaban coma por arte de encantamento. Entrar á sacristía mesmo entraba nun día normal, pois era raro que igrexa estivese pechada. Se o facía, seguían voando as obleas. Estaban tan ricas! Ás veces comungaba en pecado só polo feito de sentilas sobre o ceo da boca.

De axudante tamén pasaba a bandexa pola igrexa para que os fregueses colaborasen co que lles custaba sangue, suor e bágoas acadar na súa vida labrega. De camiño, xa para a sacristía, non perdía de vista aquelas pesetas que podía arrapañar ó baixar os dous chanzos, pois aí era onde lle daba as costas ó cura que estaba dicindo a misa. Nun santiamén collía as tres ou catro moedas (non máis, por medo a que o crego se dese conta; inocente de min!) e con disimulo caían no peto do pantalón. Definitivamente, non podía ser cura. Ou si? Porque eles...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 12 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario