sábado, 29 de abril de 2023

FESTA DO TRABALLO CON ARMAS Ó LOMBO

Luns, 1 de maio. Festa do traballo. É un dicir. Na agricultura traballouse sempre. E en algún oficio máis. Pero eu lembro que, na agricultura, todos aqueles festivos que non estaban... digamos, impostos pola Igrexa, eran hábiles ó cento por cento. Tamén é verdade que a agricultura, polo menos certas faenas da agricultura, nunca tiveron domingos nin festas de gardar nin vacacións nin rabo de gaitas. O labrego, ós domingos e festivos, tiña que lle coller herba ou ferraia ou outono ós animais. Na época da herba seca non había domingo posible, e mesmo, algún domingo, cando chovía, había que xunguir as vacas para marchar a fume de carozo a cargar na herba para que non se mollase. A labranza sempre foi, é e será un mundo á parte.


Segue sendo un caso á parte as armas en Estados Unidos. Empezan a contarse cos dedos das mans os días que poden librar dalgún tiroteo, dalgunha masacre. Habería que botar man das estatísticas, pero é que, ó mellor, xa non libran ningún día. O asunto é tan serio (foino sempre, pero o negocio é o negocio) que incluso o propio presidente xa empeza a reclamar unha lei para o control do armamento. Non creo que lle vaian facer moito caso, polo que terán que convivir con sustos e mortes. Os ianquis coa escusa de que teñen que defenderse (de si mesmos), seguen a ter pistolas e rifles e metralletas e granadas. Despois, con estas, “arman o que arman”.


Acabo de atopar un dato que, o de ó mellor non librar ningún día, queda nunha inocentada, nun dato irrisorio. Resulta que no ano 2020 houbo 611 tiroteos, o que significa que a media dun diario queda nas carrouchas. O peor de todo é que non escarmentan.

Non saio dese país. Dise, e Joe Biden así o afirma, que este presidente ten intención de se presentar a unha nova reelección. Mais o dato está en que se o fai, nesa futura lexislatura, cumprirá 82 anos. A ver, se se entende que unha persoa se xubila ós sesenta e pico porque xa non dá máis de si no seu traballo, como é que noutros coma por exemplo os políticos poidan gobernar ou traballar con oitenta e pico. Precisamente uns traballos que arrastran unha gran responsabilidade. E por moitos asesores que teñan, eles son os que, ó final, toman as decisións... cos sentidos, ás veces, en decadencia, amorriñados. Algo non funciona.


Finca Fierro. Sábado, 29 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario