jueves, 13 de abril de 2023

UN HEROE TESTÁN

Recuei. Os heroes tamén teñen dereito a pasar medo. Polo menos algo de medo. No medio do atallo que vai da Finca Fierro á Valenzá un enorme, inmenso gorila cortábame o paso. Ó velo, que queredes, puxéronseme de gravata. Polo mastodonte que era e porque non o contaba nese lugar. Que non estou en África! Imaxinei un circo, pero non sabía de ningún instalado nos arredores.


Cando recuara un pouco penseino mellor e volvín sobre os tres ou catro pasos que dera. Os heroes teñen dereito a ter medo, pero, que carallo, son un heroe. Encareime ó bicho. Non tardou en xesticular desa forma que sabemos todos. Se intentaba pasar pola esquerda, el inclinábase cara á súa dereita. E como era grande coma el só, axiña ocupaba esa ladeira. Se intentaba seguir polo outro lado, el, de castrón, apoiaba toda a súa envergadura sobre o seu lado esquerdo e o camiño quedaba de novo atrancado.

Mireino fixamente ós ollos e faleille. Faleille á miña maneira, claro. El tamén me falou á súa, e sen entendelo nada souben que a súa conversa non era nada agradable e, o peor, que por alí non pasaba. Os heroes, a maiores do pouco medo e da moita valentía, tamén somos testáns. “A ver quen cansa antes”, lle dixen. E iniciamos un bambán para abrir e cortar camiño. Cando cansou, nun santiamén, botou as mans á cabeza, arrincou esta e debaixo estaba o puto Andy Serkis facendo de King Kong. Non sei se rin ou se rebentei de carraxe. Si sei que, sen dicirlle nada máis, pasei.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 9 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario