jueves, 20 de abril de 2023

O HOME QUE FALABA SÓ

Desde a distancia vin como pasaba. Ía falando só. Silverio Remigio Chaodarcas Segundo andaba a falar sempre só. Non se metía con ninguén, pero todos sabían todo. Porque el pregoaba todo. Chamábanlle O Bocalán. Porque falaba sempre. E sempre só, claro. Cando estaba con alguén ou en grupo, el mesmo dicía que en boca cerrada non entran moscas. E non dicía nin hoste nin moste. Calquera descoñecido que o vise desa maneira, non podía imaxinar que era un laretas. Como ó revés, o que o vise dálle que dálle á lingua, pareceríalle incrible que, con alguén ou con varios, fose unha tumba.


Do Bocalán sempre se dixo que nacera de pé e á beira do pesebre dos becerros. A súa nai, mentres munguía unha vaca, rompeu alí mesmo augas e ela mesmo se dixo que xa que estaba xunto ó pesebre... a ver se lle saía coma Xesucristo. Sen axuda de ninguén, non tardou en oír mesturados os berros do cativo e os bruídos dos dous becerros que compartían naquel momento o pesebre.

Agora a xente comenta (xa sabedes como somos nas aldeas) que saíu charlatán por nacer entre os becerros. Que terá que ver unha cousa coa outra, a min paréceme unha parvada, pero calquera vai contra a rumoroloxía das aldeas. Sexa como sexa, agora mesmo, O Bocalán faille honor á alcume: dálle á lingua sen parar. Iso si, en soidade. E desde a distancia vin como pasa. Só, claro. Aceneille e notei como, a maiores de falar, esbardallaba, baduaba. Si, ás veces non lle gusta que o saúden.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Venres, 14 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario