domingo, 23 de abril de 2023

COLLENDO CORES DO ARCO DA VELLA

Collín unha das cores do arco da vella e separeina das demais. Chorou o tempo e berrou o silencio. Subín á flor do toxo e deixei que os sentimentos bailasen un tango con letra de Paquiño Sinatra. Agora, cada quen, que asubíe como queira.


Eu penso asubiar polo Uriarte, porque me lembro del, de cando naquelas tardes tornaba as vacas do Río Vello para Barricobos. El gardaba as vacas mentres eu, sentado nos penedos, contemplaba o universo. Ese universo no que un lóstrego procede dun cometa e unha circunferencia semella a lúa vella. Agora, cada quen, que baile ó ritmo das Tanxugueiras.

Eu si que bailarei por entre as matogueiras da infancia e deixarei que a flor do toxo me encha de nostalxia. A flor do toxo é bonita. O toxo é o himno de Galicia, como o carallo é o patrón. Agora, cada quen, que asuma isto ou non.

Collín outra cor do arco da vella e xa van dúas para que algunhas bágoas do tempo reguen os pensamentos que asoman tras o silencio. Ese silencio que, antes, era estrondo, ruído. Pero, que é o universo con ruído? Un cosmos cheo de xoguetes rotos e de astros mesturados con versos soltos. Agora, cada quen, que voe por entre os planetas, que eu navegarei na Perla Negra.

Queda o arco da vella pingando lágrimas negras. Todas as cores lle son poucas para facer brillar a alucinación dunha lenda. Agora, cada quen, que bique a cor que queira.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario