lunes, 10 de abril de 2023

DO VERSO SOLTO Á NOVELA BARATA

Choutei sobre a liña que vai do verso solto á novela barata, á novela non premiada. A liña estaba alta, pero as miñas ansias eran tan ambiciosas que non existe nada imposible. Son coma o viraventos cando o move o vento... e cando hai vento. Eu tamén, ás veces, deixo descansar as ansias, os anhelos, as aspiracións. Poucas veces.


Logo de choutar e de ler o verso solto e a novela barata seguín buscando o lenzo perfecto, mellor aínda, a obra mestra. De pintor teño pouco e de artistiña, que carallo, non teño nada. A min nada me bota para atrás. Ademais, algo tiña que dicir. As cousas ben ditas ou mal ditas, ó final, quedan sempre ditas.

Cando me deu a gana que é moitas veces corrín. Corrín como corren os corzos e, cando abafaba, corría como corren os sapoconchos. Estes, á súa maneira, teñen a súa velocidade, aínda que pareza mentira. Non obstante, son máis corzo que sapoconcho.

Ó deixar de correr, tomei un café. Así de simple. E de contento. Porque o sabor do café é coma un poema enteiro, coma unha novela exemplar de Cervantes e coma o far west cinematográfico. Co café escoito as bandas sonoras de Vangelis e Morricone, de Goldsmith e Zimmer, de Williams e Santaolalla. Co café son, definitivamente, sapoconcho.

Rematado o café marchei coa música a outra parte. E con outra clase de música; desde o folk á clásica, desde o pop ó jazz. A música amansa ás feras.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 7 de abril de 2023


No hay comentarios:

Publicar un comentario