viernes, 14 de abril de 2023

UN VECIÑO DESAGRADECIDO

A verdade é que non o podo ver. Ó veciño que desde un primeiro momento me chamou O Baballas. E todo porque, un día, ó falar con el baballei un pouco e, si, cuspino algo. Agora todo o mundo me chama O Baballas. Será tamén polo que ando de continuo cun pano das mans tapando a boca? Teño medo de baballar á xente.


Na realidade chámome Pancracio Solera Donís e teño trinta e algo de anos. Deixo así a dúbida para que vos amoledes un pouco. De todas formas, son un bo rapaz. Axúdolle ós meus a sachar a horta, a segar a herba, a rozar os toxos, a estercar a corte, a levar as vacas ó monte, a arar as leiras e a recoller as colleitas. Son moi ben mandado. “Ai, neno, que bo es e que paciencia tes”, dinme algúns veciños. O da paciencia non sei por que o din. Ó mellor é para que sirva de apostila ó de bo, ó da bondade.

Teño o defecto das baballas, pero é unha pequena eiva, unha pequena imperfección, en comparanza coa miña forma de ser. O que pasa é que aquel maricón, só por me xiringar, púxome ese alcume. Polo demais, xa digo, son moi cumpridor. En todo. Se me din vén, vou. Se me din vaite, marcho. Se me din senta, sento. E procuro non falar moito. Polo das baballas, claro.

Ademais, que carallo, os meus pais comíanme a bicos deixándome algunhas baballas na cara e nunca me queixaba. É máis, ben que me ría. E que me gustaba. Pero hai veciños desagradecidos. Normal entón que a ese que me puxo O Baballas non o poida ver. Non sigo porque, ó alporizarme, igual baballo o caderno.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 10 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario