martes, 18 de abril de 2023

EXCESO DE CONFIANZA

Corrín para poder entrar correndo. Á cafetaría. Sempre fun un home apurado. Para todo. Si, mesmo para sachar ou cavar. Porque, ó saber que hai que facer as cousas, pois canto antes, mellor. Entrei á cafetaría correndo para poder pillar unha mesa, a única mesa que vin que estaba libre. Desde fóra xa outeara o horizonte.


Tamén é certo que cheguei a pensar que correr non me valería de nada. Porque diante miña entrou un cliente que sabía de fixo que quería sentar nesa única mesa libre. Alá foi o burro coas noces, foi o meu pensamento. Alá foi a miña carreira á categoría dos maiores fracasos olímpicos, atléticos e deportivos.

Pero o exceso de confianza, ás veces, xoga malas pasadas. Como a confianza do cliente ó entrar. Non intuiría que eu entraría na mesma cafetaría. O caso é que el parou na barra do mostrador para seleccionar algún periódico dos alí pousados para a súa lectura. Nese momento el pensaría que era a lebre e eu o sapoconcho. Xa teño dito que os sapoconchos tamén saben correr.

Corrín para poder entrar correndo. E aínda que semellara que perdera a carreira, crucei primeiro a meta. Por certo, eu tamén quería un periódico, pero non ía perder a ocasión da vantaxe que me daba o señor. Non a perdín. Aproveiteina ben aproveitada.

Xa levo un bo cacho sentado; o tempo que ocupa a lectura (moi por enriba) dun periódico e o da escritura deste Pingas de Orballo. Agora, a ver o fútbol; que grazas ó exceso de confianza do señor non o vexo de pé.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 12 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario