viernes, 21 de abril de 2023

DE POLISÓN POLO COSMOS

Sorpresa! Inicio aquí un saúdo desde a nave espacial da misión Juice con dirección a Xúpiter. Vou de polisón entre instrumentos que os científicos colocaron nela para estudar diversas lúas dese planeta. Estarei oito anos ou máis sen que me vexades o pelo. Cando volva xa pasarei dos 70, pero aínda sen ser vello. Lembrade que se entra nesta etapa ós 74. Cando chegue alá aínda darei voltas coma un sarillo de lúa en lúa. Xúpiter é moito máis rico en lúas que a nosa Terra. Nós temos unha tan só... e bo é. Iso si, bonita coma ela soa.


Xa sei que a sonda rebentará cando se estrele contra a superficie de Ganimedes, a que din que é a lúa máis grande do sistema solar, pero tranquiliños, non penso esnafrarme na aterraxe. Porque este paisa, coa listura coa que me caracterizo, malo será que non atope a forma de choutar a algún cometa e xa chegará o momento de aterrar na propia Terra. É máis, dáme un presentimento de que podo caer, moi suavemente, sobre algún carballo das Mestras, en Baños de Molgas. Se un refacho de vento o movera, queda a opción de aterrar sobre a Lagoa d´Antela.

Desde aquí, desde este cosmos infinito (non sei xa por que planeta ando), contemplo un universo marabilloso e sinto unha paz inmensa, flotante, silenciosa, moi fermosa. Ó mesmo tempo, intento fochicar nos aparatos coa opción de descubrir, de participar en algo que quede para a historia. Sempre é bonito que me recoñezan por algo ben feito. Digo eu... non sei.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 17 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario