sábado, 22 de abril de 2023

MASCOTA SEN LIBERDADE

Son o can que leva unha correa atada ó pescozo que me quita liberdade. Son a mascota dos amos. Deses amos que meten ós fillos en gardarías e ós pais en residencias para sacarme de paseo e dedicarme todo o seu cariño a base de bicos e agarimos e xogos e carantoñas. Sácanme de paseo atado a unha correa ou cadea, polo que non podo correr nin brincar nin practicamente ladrar.


Son o can que necesito furgar na terra, facer buracos na terra; algo que non consigo nas baldosas e no asfalto. Son o can que fai as súas necesidades na beirarrúa e que, si, os meus amos recollen; sen que a conciencia lles baile por non limpar así o cu dos seus pais. Son o can ó que me teñen, que lles sirvo de compañía, mentres os pais morren de soidade. Son o can ó que lle gustan as cadelas, pero non me deixan foder nelas. Son o can que oulea de tristura e de morriña nas mañás e nas tardes nas que quedo só porque os amos traballan. Son a mascota que ten aquela media liberdade de dúas ou tres veces ó día tan só. O de media enténdese que vai polas cadeas, polas correas que levo ó pescozo.

Son o can ó que visten para que non pase frío. Mellor é poñerme a min un abrigo que un cueiro no traseiro do pai. Son a mascota dos abrazos sen liberdade, dos xogos sen liberdade, dos paseos sen liberdade. Son o can que non podo saír cando quero, non podo correr cando quero, non podo envorcallar cando quero. Son o can preso do egocentrismo humano. Son a mascota prisioneira dun presunto cariño animal.

Son o can que mira con esa ollada que tan só sabe poñer un can e que, si, moi bonita, moito amor pola mascota, pero saio do piso cunha cadea ó pescozo, cunha correa ó pescozo que tan só me deixa brincar tres ou catro metros. Todo o demais é un cárcere ó aire libre.

Son o can que máis dunha vez quero ser lobo para oulear desde un outeiro, para correr por entre os piñeiros e para ser libre coma o vento. Pero sento diante dos pés do amo, deixo que a súa man acariñe o meu lombo, fago que o rabo amose alegría e poño esa ollada de agarimo, de amor, de submisión e confiando en que, unha vez máis, unha correa ou unha cadea se ate ó meu pescozo, aínda que a miña liberdade non alcance máis alá dos tres ou catro metros.


Finca Fierro. Venres, 21 de abril de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario