domingo, 2 de abril de 2023

CORRENDO CUN SAPOCONCHO

Boteille unha carreira a un sapoconcho. Unha carreira de 100 metros lisos. Cando cheguei á meta, a tartaruga aínda non sacara da coiraza toda a súa cabeza. Desespera a súa lentitude! Por outra banda, deume algo de pena. Vía que era bonita, vía que se esforzaba, pero, a pobre, non daba. Non daba máis de si.


Concertei co sapoconcho en darlle unha certa vantaxe nunha segunda carreira. Mentres eu marchaba ó centro da vila de Baños de Molgas (estabamos na Pitediña) a tomar un café. Non tardei en preocuparme algo, pois tiña medo a que a vantaxe fose de máis. Unha cousa é ser bo e outra ser parvo. Non obstante, tomei o café con parsimonia e incluso me puxen de parola cos veciños sobre, precisamente, os sapoconchos; na cantidade que había nos tempos da nosa infancia, tanto en Barricobos como na Tapada dos Ferreiros. Ó nomear este lugar lembro unha vez de cando fun buscar un carro de toxos a Sudalomba e, este o carro, lle pasou por enriba a un sapoconcho. A súa coiraza escachou bastante e, realmente, non cheguei a saber se a tartaruga sobreviviu.

Logo da anécdota, marchei correndo para a Pitediña, non fora o demo que o paspán do sapoconcho me ganara a carreira. Cando cheguei, o pobre, aínda non levaría percorridos uns 69 metros. Púxenme de crequenas e marchei con el os 40 restantes, ó mesmo tempo que tamén a el lle contaba a anécdota da roda do carro co seu homólogo. Cheguei á meta con el, pero no último metro, lancei a perna para cruzar eu primeiro. Bo son, pero parvo non quero ser.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 28 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario