martes, 11 de julio de 2023

CON DESTINO Á EMIGRACIÓN


Que Deus reparta sorte. Dixo alguén en referencia ós tres irmáns que estaban a piques de tomar o tren con destino a algún lugar, ou sexa, á emigración. Os tres estaban xuntos e a emoción alagaba os seus ollos. Os tres eran os fillos de Clotilde, A Costureira, e de Ambrosio, O Xastre. A profesión deste non precisa de ningunha palabra máis. Os dous tiñan o seu propio alcume, pero xuntos eran Os Modistos. Como é a xente...


O rapaz máis vello tiña 22 anos e respondía ó nome de Eulogio, O Agullas. Eustaquio, O Dedal, era dous anos máis novo e Emilio, O Tesoiras, outros dous anos menos, é dicir, 18. Semella que estou a inventar os alias e que son de risa, pero, xeralmente, adoita acontecer iso: que son familia e todo queda en familia.

O Agullas tiña intención segundo lle comunicou por varias veces ós irmáns de marchar para a Arxentina. Estaba á espera de que saíse o tren para Vigo e alí coller un barco mercante. A economía para o avión non daba de si. O Dedal dicía que optaba por Suíza, para poder estar algo máis cerca dos pais. E xa que Eulogio, O Agullas, cruzaba o charco; Emilio, O Tesoiras, xa tiña todo programado para traballar e vivir en Australia.

Eulogio sempre soñou en traballar e percorrer a Pampa. Xa se vía de gaucho per secula seculorum. Eustaquio conformábase con cruzar os Pirineos e Emilio ansiaba correr entre os canguros e cazar coellos. Soou o asubío do tren. Abrazáronse os tres e os fillos dos Modistos empezaban a facerse homes.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 25 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario