jueves, 20 de julio de 2023

UNHA BOA LIMPEZA


Levo cinco anos buscando a Supermán. Hai moito delincuente solto e eu, tan só co fouciño, non dou feito. Corto cabezas e tallo conciencias, pero non hai maneira. Non consigo erradicar o mal. Hai facinorosos a esgalla, moitos máis que xente de ben. Xa non sei cantas veces agucei o fouciño e cravuñei a gadaña. En algúns lugares ata cheguei a usar bazokas e nada de nada.

Non lembro cantos planetas levo visitados e a cantos extraterrestres lles preguntei. Si, hai vida máis alá das estrelas. Cheguei a botar unha semana co meu amigo o alieníxena, aquel que aterrara na Pitediña e que os meus veciños de Baños de Molgas, por descoñecemento, ataran a un deses carballos vellos, recios e inmensos das Mestras. O meu amigo, por esa infinidade do universo, ten moitos máis contactos ca min, e nin por esas. En tres anos e medio ninguén lle deu aínda razón do heroe de Krypton. Si, no seu lugar de nacemento foi no primeiro sitio que busquei. Axiña entendín que como é un personaxe, un cómic tan ocupado andará coas súas fazañas por outros lugares.


Eu levo cinco anos buscándoo e... coma se o tragara un buraco negro. Vou darme de prazo unha semana. Se non o atopo, volverei á Terra e cambiarei o fouciño pola gadaña. Esta abarca máis cabezas, máis delincuentes. Malo será que, no que me queda de vida, non faga unha boa limpeza. Ó mellor nun futuro próximo aparece por fin Supermán e me bota unha man. É unha parvada perder o tempo buscándoo. Xa aparecerá. Mentres non apareza, sigo coa limpeza.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Venres, 30 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario