viernes, 28 de julio de 2023

UN DNI MENTIRÁN


Teño un documento nacional de identidade que me di quen son. Mente coma un cosaco! Xa no propio nome é mentireiro. Ninguén me chama desa maneira. Teño alcume! Coma calquera fillo de veciño, coma todos os galegos e parte do estranxeiro.


A que vén a foto do DNI? E se me pinto de negro? Ou de colorado? Ademais, en dez anos, podo envellecer unha barbaridade. Se xa o noto dun día para outro, que fará en dez anos! Ou se deixo bigote? Ou se deixo barba? Ou se deixo unhas guedellas ó Bob Marley?

O meu documento de identidade non vale para nada. Xa non lembro a última vez que o saquei da carteira. Nin tan sequera cando foi a última vez que o ensinei. Agora estamos máis que fichados! Agora chégalles con pedirche o número, e como case todos o sabemos de memoria... Para que queremos o DNI?

Din que nacín en tal lugar e que vivo noutro. Eu, que son máis que nómade: nacín nese lugar que di, vivo nese que tamén sinala, pero non di nada de onde fago a miña vida, nin a onde vou os sábados, nin dicía onde traballaba.

Na data de nacemento acerta, pero, a quen lle importa? O aspecto físico é o que vale. E agora xa empezan a tratarme de vostede. Porca miseria! Debería estar prohibido ese tratamento. Nin respecto nin caralladas. Xa chega ben con que notemos os estralos das articulacións, como para que veñan agora algúns con vostede para aquí e vostede para alá. Iso, a ver se temos un pouco máis de consideración e deixan de recordarnos a idade. Por favor...


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 6 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario