domingo, 23 de julio de 2023

UN MUNDO IGUAL PARA TODOS


Modifiquei o percorrido que me levaba ó país de Máis Alá. Eu, como é lóxico, vivo no de Máis Acá. En algún lado teño que vivir. Non sei de fronteiras, pero... Pero así distribúen o mundo os entendidos. A eles dálles igual que con tales divisións teñamos agora o problema dos marcos. A ver quen é o chulo de mover os marcos.

Para tal modificación tiven que mover, eu tamén, certos marcos. Desviei camiños, abrín valados, choutei portelos, nos vales fixen montañas e nas montañas formei lagoas. Modificación tras modificación, avancei camiño. En pouco tempo estiven no país do Medio. Aquí atopei seres sen conciencia e animais de dúas cabezas; a que pensaba ben e a que pensaba ó revés.


Non tardei en comprender que xa andaba algo perdido. Preguntar polo país de Máis Alá era unha quimera. Ninguén me entendía e eu aínda menos. Mestura de linguas e, o peor, que non levaba ningún can comigo. Dicía Castelao que todos os cans do mundo ladran igual. Total, que tiña que guiarme pola intuición, polo instinto... coma os cans. Sabía que o país de Máis Alá estaba aínda máis alá.

Seguín coa modificación do percorrido. Onde se atravesaban encoros eu coloquei carballos recios, onde estaban os mares cambieinos por ríos e as cidades transformeinas en pradarías. Paso a paso seguín cruzando esas impostas fronteiras, polo que tiven que seguir cambiando marcos. Co bonito que sería un mundo igual para todos. Si, outra quimera.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 1 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario