sábado, 15 de julio de 2023

O FUXITIVO


O sol deixa caer os seus raios, moi mansamente, sobre a cabeza rapada de Senén Delgado, O Fuxitivo. Iso é mentira. Eu son O Fuxitivo e podo prometer e prometo que o sol abrasa e que o autor mente descaradamente. Porque tampouco teño a cabeza rapada; máis ben son calvo. Sei que tamén quere dicir que pertenzo ó mundo labrego (porque a el lle gusta ser ou creo que foi labrego), mais son astronauta.


Menos mal que coñezo dabondo ó autor e sei que hai tempo, moito tempo xa, que latrica moito, incluso que esaxera de máis. Vai pola vida de heroe, pero é un cagadiño do carallo. Agora pensa que todos son da súa condición.

É coma o alcume que me puxo: O Fuxitivo. A que vén iso? Eu tan só deixei a miña casa para emigrar, ou como se dicía antigamente: para facer as Américas. Pasei por varios países latinoamericanos dos que non digo ningún nome porque sei que o autor é o que quere. Hai tempo que quere saber os meus pasos. Eu... chitón! Que esbardalle, que esaxere, que invente á súa maneira.

O sol non cae mansamente; abrasa de tal maneira que, para seguir un pouco a metodoloxía do autor, a esaxeración, fervo coma a calda do pote, aquela que se lle daba ós porcos. Quero que se saiba que nin esaxero nin son ningún fuxitivo. Polo que... que lle dean ó autor!


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 27 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario