sábado, 8 de julio de 2023

O FEIXE DOS SOÑOS


Desatei o vencello para desfacer o feixe dos soños. Alí había de todo. Pouco a pouco espalláronse desde os desexos ata as ilusións, desde os pensamentos ata as ansias e desde os saloucos ata os aloumiños. Estaba todo mesturado e, agora, cada un colleu polo seu propio camiño.


Cando pensei que xa rematara, vin que no derradeiro vulto de palla, estaban tamén a culpa e a conciencia, a carraxe e a maldade. Souben que era por iso polo que o feixe me pesaba tanto. Pero, quen non ten hoxe en día un chisco de maldade, de mala sombra? Para todas estas usei a solución máis simple e sinxela: cunha patada ó nobelo mandei todos eses negativismos polo río abaixo.

Aproveitei o vencello para atar un novo feixe, que completei tan só con bo desta vida. Si, xa sei que hai maldade, pero esta metereina no último envurullo de palla, como fixera antes. Todo o resto serán soños nocturnos, pensamentos diarios, sentimentos agradables, xogos infantís, lecturas eternas, obras mestras cinematográficas e pingas de orballo.

Agora toca coller o vencello coa man esquerda, meter a man dereita por debaixo do feixe, xemer coma se rematara o mundo, e erguer. Erguer con ansia e con gozo, todos os intelectos, todos os raciocinios e todas as ideoloxías deste ir e vir adulto.

Xa co feixe no lombo, noto a súa lixeireza, o que significa que a inocencia ou a absolución, no feixe, imperan máis que a conciencia e a culpa.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 22 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario