martes, 18 de julio de 2023

SUAR A QUILO


Respiro coma se fora afogar. Respiro coma se se me acabara o mundo. Andei de presa. Andei costa arriba, Andei baixo unha calor sufocante. E vou vello. Todo se xunta.

Agora xa sentei e xa estou tomando café. Pero escribo bastante incómodo. Porque ó parar desa marcha vertixinosa e en costa, empeza a suor a facer das súas. Xa o teño contado moitas veces: súa o brazo, molla o papel, pégase a pel, etcétera.


Que todo sexa polo que sexa. Non sempre vén todo dado. O que algo quere, algo lle custa. Eu quería chegar axiña e tiven que andar case correndo. Quero deixar aquí constancia do que levo contado, do que estou contando e teño que erguer o brazo de cando en vez e limpalo ou secalo un chisco para que se deslice polo papel do caderno.

Xa respiro normal. Xa non se acaba o mundo. Os latexos, pouco a pouco, volven ó seu ritmo e xa contemplo cun sorriso á pomba que se instalou na mesa que lle segue á miña. Empeza a suarme a barriga. Que calores. Que sufoco.

Pídolle calma ó tempo climatolóxico e semella que me fai caso: un pequeno airiño fai abanear as follas dun plataneiro que teño á beira. Se é que é un plataneiro. Para min, fóra das esenciais (carballos, bidos, chopos, piñeiros, eucaliptos, amieiros, nogueiras e castiñeiros), todas son árbores. Sen nome. Non estudei dendroloxía. Son astronauta cun futuro marciano. Mentres non chegue ese futuro... a seguir suando en pingas ou a suar o quilo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Mércores, 28 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario