sábado, 1 de julio de 2023

UN BOCADO SUBLIME


Hai uns días, xa bastantes días, mellor aínda, vaia para un mes que me atopei coa nova neste mesmo xornal sobre a preocupación de que as receitas das ancas de ras están en extinción.


Foi ler iso e lembrar aquelas mañás no monte Medo e aquelas tardes no monte de Pinouzos. Tanto nun coma no outro, sempre había lugares nos que imperaban ese batracios, principalmente no de Pinouzos, onde se atopa a lagoa de Almoite e a charca de Barricobos. Nesas mañás e tardes non tardabamos en planear a caza e captura dunha morea de ras, as suficientes para que as súas ancas nos desen para o almorzo ou para a merenda.

Ben fose coas varas, ben fose coas mans, cazabámolas entre risas e exclamacións. Despois chegaba o proceso da corta das ancas, da esfoladura da súa pel e, por suposto, o seu asado. Armabamos a fogueira, colgabamos os zancos nas mesmas varas ou en calquera caxato e, pouco a pouco, collían color. Había veces nas que xa non esperabamos a ter o menú completo; desde o propio caxato ou vara, e case queimando, pasaban directamente ás nosas bocas e o seu sabor era gloria bendita. Se había pan, comíanse con pan e, se non, pois case daba igual, así saboreábase mellor a súa exquisitez. Era un dos bocados máis bonitos e gustosos que había.

Desde rapaz, desde aquela época non as volvín comer e recoñezo que, a 50 anos daquilo, as sigo botando de menos. Si, unha faena que estean en extinción porque é un bocado máis que rico... sublime!


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 19 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario