sábado, 15 de julio de 2023

O GRAN DEBATE


A ver se destripo o gran debate de hai exactamente unha semana entre Pedro Sánchez e Núñez Feijóo, entre o PSOE e o PP. Os demais partidos, ese día, a tomar por aquel sitio. Si, houbo o debate a sete, creo, pero xa non foi nin é o mesmo. Non é o mesmo seguir a Liga de fútbol na primeira división que na segunda. Verdade que non? Pois iso.


Empezo. Non vin o debate. Así de simple e rápido. Non podo destripalo moito entón. Todo o que souben despois foi por referencias de prensa, escritas e, si, algo radiofónicas (a televisión xa hai moito tempo que só a uso para ver deportes e películas, moitas películas). Seica ganou o dos Peares e, iso si, os dous dispararon a matar con case insultos e cunha linguaxe propia dunha película como a que vin esa mesma noite. A película recoñezo que non era boa e axiña a asimilei ó propio debate. E a pesar da mala película, non creo que perdese moito máis por non contemplar o debate.

Asegúroo agora mesmo: non perdín nada. Desde que entrou a democracia no noso país e desde que tivemos dereito a votar, este servidor, en todas as votacións, absolutamente en todas e incluso antes de que se convocaran eleccións e máis eleccións, sempre soubo a quen botar. Sempre. De aí que non precise perder tempo con debates. Sempre tiven as ideas moi claras, aínda que sei que ninguén me fai caso, pero... alá cada quen coa súa conciencia.

Para o domingo que vén saberei que teño as ideas aínda máis claras ca nunca e marcharei correndiño a depositar o meu voto para que a conciencia me quede calma e feliz. E aquí non vou dicir aquilo de “que gane o mellor”, porque a política de bo non ten case nada.

Perdón, ten accións esperpénticas e de moita carraxe. Non hai moito celebrouse un pleno no concello de Ourense para aprobar tan só unhas actas. E o último pleno que acaba de celebrarse na Deputación durou tan só un minuto. Normal que se viva ben á costa dos paspáns. Un ou dous minutos de asistencia e, ale, a cobrar que suamos que nindiola. Aquí é onde se demostra que hai xente, neste caso políticos, que non teñen conciencia. É igual; confían no noso voto e, nós, por suposto, non os imos defraudar. O domingo iremos votar.


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 15 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario