miércoles, 26 de julio de 2023

SON EU, E PUNTO


Quixen ser Arnold Schwarzenegger e este axiña me mandou un recado: mellor que non, terás problemas co apelido, tanto para pronuncialo como para escribilo. Optei, entón, por ser eu. Por ser eu mesmo. Coñézome ben e non teño porque botar man de ninguén. Xa sei que haberá algún que logo solta aquilo de “coñézote coma se te parira”. Ou nos lles fago caso ou, por veces, me cabreo... querer compararse coa Lola da Amparo,a nai que me pariu!


Coñézome tanto que sei o que farei en cada instante. Incluso cando me asalten as dúbidas. Porque estas asaltaranme a min, non a Arnold Schwarzenegger nin a Genghis Khan, por exemplo. Eu son eu e os outros son os outros. O apelido meu é fácil de pronunciar e escribir. Perdón, retiro o de escribir. Os hai que queren escribilo con be. A algúns, por se aquel, xa lle mes anticipo e antes de escribilo dígolles con uve. Se alguén o escribe coa outra letra, fago que o corrixan. Case sempre lles lanzo a explicación de que ese apelido con be adoita ser máis orixinario de Cataluña. Ante isto non meto a man no lume, pero sempre me acordo daquel director de cine, Antoni Ribas, que era de Barcelona. E nas miñas lecturas, cada vez que me atopo con ese apelido escrito con be, son de por alá.

Non obstante, é igual; con apelido ou sen apelido, incluso con nome ou sen nome, son eu e non Napoleón Bonaparte nin Emerson Fittipaldi. Son eu, e punto.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 3 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario