viernes, 7 de julio de 2023

CORREDOR DE FONDO


A soidade do corredor de fondo. É o título dunha película. Eu tamén son corredor de fondo. Pero rexeito da soidade. Cos meus pensamentos nunca me sinto só. Ás veces dáme ganas de exclamar: que bonitos son os meus pensamentos! Como semella moi melindroso, non o fago. É certo que son bonitos porque só penso neses momentos agradables e felices, tenros e emotivos, infantís e adultos.


Levo tres meses e medio correndo. Só me deteño para o básico: comer, durmir e facer as miñas necesidades; as de campo, claro. Neses tres meses e medio nunca se apoderou de min a soidade; porque me entreteño con esa xente que me acompaña e me afouta e me alenta en boa parte do camiño, porque me entreteño coa música e algún que outro programa radiofónico, porque me entreteño co cadelo Uriarte, que está a facer as mesmas etapas ca min, e porque me entreteño, como dixen, cos meus pensamentos.

Cando algún mal pensamento se quere meter na miña cabeza, asubíolle a Uriarte e el xa entende: empeza a brincar, a rebeirar e a ladrar á miña beira ata que me cansa e aburre, polo que me distraio chamándolle a atención. El pega un chouto e xa seguimos camiño felices e contentos.

A soidade do corredor de fondo. Quen dixo soidade! Estou a atravesar tanto territorio durante tantos días (tres meses e medio) que xa nin sei por onde ando. Nin tan sequera sei se atravesei España ou non. Ó mellor xa ando en Ucraína. Non obstante, Uriarte e eu seguimos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 22 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario