martes, 4 de julio de 2023

GUERRA ÁS TOUPAS


Erguín cedo, cando aínda non saíra o sol. Sen almorzar e demais demora, baixei ata o terreo e díxenlle ás toupas que se querían guerra, terían guerra. E nada de produtos nin remedios caseiros nin rabo de gaitas; alí mesmo, do palleiro, collín un sacho e berreille ós tálpidos que xa que non quixeron evitar a guerra, ían saber o que era unha trincheira.


Como a finca é bastante pina, empecei por abaixo. Porque non son parvo e sei que, para abaixo, todos os santos axudan. Cavei coma un posuído, como nunca cavara na miña vida, e a tal profundidade que as toupas non terían para onde escapar. Cando levaba uns cinco metros cavados suaba coma un carneiro e, o peor, aínda non atopara ningún bicho deses.

Guerreiro como era (frío, metódico, implacable), non desfalecín e seguín dálle que tumba. Tumbaba a terra ós meus pés pero, as malditas, seguían sen aparecer. Na metade da leira sentei para tomar uns folgos e comer un cacho de pan con touciño; recordando vellos tempos, ou sexa, graxa e máis graxa ó bandullo.

Nin tan sequera alonguei o descanso para botarlle un cigarro. Estaba ansioso por ganarlle a batalla ás toupas. A finca xa non era trincheira nin nada semellante; era unha escavación como para as construcións dos rañaceos. Por sitios incluso xa nacía, xa saía auga. No derradeiro metro souben xa que non atoparía ningún bicho negro. Ganáronme a guerra sen esforzo e caín completamente derrotado. Este ano non comería nada da horta.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 20 de xuño de 2023

2 comentarios:

  1. Pero Chito ; esa era uha guerra perdida Xa dún principio .
    Estou seguro que fixeche Ti ; mais destrozo co Sacho , qué todolos Toupos xuntos .
    E

    ResponderEliminar