martes, 28 de mayo de 2024

A CULPA FOI DO VENTO


Que susto e que desgusto! Cando saín da casa, ás catro da tarde, o aire levoume as ideas. Non é que aquel fose forte, o que me dá a pensar que ó mellor estas eran un pouco pobres. O caso é que me quedei sen elas. Sóubeno fixo cando cheguei ó atallo; que aí sempre me asomaron algunhas para, pouco a pouco, desenvolvelas e, máis tarde, tomando un cafeciño, trasladalas a un caderno cuadriculado. Houbo días nos que, incluso antes de chegar ó atallo, xa tiña algunha frase, algún esbozo, pero hoxe, na metade, xa souben que o aire fixera un pandeiro delas.

Cando cheguei á Valenzá tamén souben que as miñas ideas debían ser tan pobres que me atrevo a cualificalas de raquíticas, pois mirei para as árbores que hai polas beirarrúas e case non se apreciaba o movemento das súas follas. Custoume asimilar, entón, que o aire, case inexistente, me levase as ideas.


Ó pouco optei por seguir camiño da biblioteca, a ver se alí, lugar no que se entende que abunda a cultura, se me pegaba algo e, de aquí e de alá, abrollaban algunhas nocións, algúns propósitos dese algo. Malo sería que entre libros e periódicos non asomase unha frase, un dito, un refrán, un tema, unha materia, un asunto... Pero nada, non asomou nada. Seguía coa mente en branco e o susto e o desgusto metidos no corpo.

Empecei a culpar ó vento, claro. Non son tan parvo para confesar que son un home sen ideas. E tanto insistín en culpalo que, agora si, as follas das árbores móvense con bastante forza, polo que empezo a crer que, o maldito, as levou con el. As ideas, digo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 27 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario