Non sei como, saín da inopia. Na inopia non estou eu só. Estamos moitos. Como non sabemos que facer, deixamos que nos manden para alá. Alí estase ben, a gustiño, tranquilos e esperando unha decisión que case sempre tarda en chegar. Sei dalgúns que levan nos biosbardos toda a vida. E as referencias que teño, que oxalá sigan aí sempre.
Eu levo xa uns cantos anos porque, si, tardei en ir pola miña simpleza, pola miña inocencia. Era tan inocente que andaba ás duras e ás maduras. Agora como ven que nin fu nin fa, que nin arre nin xo, optaron por mandarme á inopia. Se o soubese antes! Co ben que se está!
A ver, non me arrepinto das miñas accións, dos meus arrinques de carraxe, dos meus bambeos laborais e políticos e deportivos e sociais e filosóficos, pero a tranquilidade de agora non hai xesto nin promesa nin trunfo nin agasallo que a pague. Non hai coma andar coa cabeza no aire.
Xa estou planeando en volver a ela, coma se fora ó limbo, canto antes. Nada, realizarei dúas ou tres accións de bo ser humano, de boa persoa para que me admitan xa definitivamente. Nesa inopia ou nese limbo celestial. Non é que sexa moi relixioso, pero por miña nai fago o que sexa. A maiores de que, desde o ceo, vese outro panorama. Desde el, mesmo podo recrutar máis “limbosos”. Que os hai, si, a darlle cun sacho. Que mellor sitio no que se está sempre a velas vir. Meto as ideas, os pensamentos, os sentimentos, as sensacións e os soños nunha maleta e espero a que me devolvan á inopia. Se é que algunha vez saín dela, que xa o poño en dúbida.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 21 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario