domingo, 26 de mayo de 2024

A VIDA E O TEMPO NON SE TIRAN


Son un profesional aproveitando o tempo. Incluso aquel no que non fago nada. Non é fácil non facer nada. Si, ás veces gusta quedarse quietiños e que a nugalla se apodere dun. Hai que saber vivir coa galbana. Porén, non é tan sinxelo. Eu, por sorte, sei vivir con todo. Mesmo coa escravitude.

En pouco menos de dúas horas aproveitei o tempo. Rocei unha finca ó lado da casa da muller. Estes días rózanse moitas, pero adoitan facelo con máquinas de desbravar, con tractores. Eu bótolle peito ó asunto e uso gadaña, fouce e, se hai algo máis forte, unha poda. Así, en plan besta, en plan bruto, en plan labrego-labrego. As silvas rabuñan, as costas doen, os brazos cánsanse, o sol aplana, a chuvia molla. Pero nin uns nin outras me deteñen. Sigo dálle que dálle á fouce e movo a cintura ó ritmo da gadaña.


Seguín aproveitando o tempo atando de novo unhas trinta cepas e sulfatando esas mesmas cepas. Houbo que preparar outra máquina para sulfatar as patacas. Aínda que o sulfato era o mesmo, o das cepas levaba tamén xofre que, para as patacas, seica non é bo. Como sobrou, repetín de novo polas patacas. Non sei se lle fai efecto ou non. Pero o sulfato non está para tiralo. Todo o que custa algo (sexa en cartos, sexa en traballo), non se tira. A vida e o tempo non se tiran.

O tempo pasaba e eu seguía a aproveitalo: cavando ou fochicando por xunto ós pés das cepas, xa que as herbas, nesta época, non teñen ningunha compaixón do paisano de a pé. E fochiquei tamén polo terreo. E polos arredores da casa. E mesmo pola casa. Cando me puxen á mesa para xantar, souben que aproveitara moi ben o tempo.


Cafetaría A Pedreira. A Valenzá. Venres, 24 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario