Quero tocar a Novena de Beethoven e só me sae un pobre asubío melancólico, morriñento, tristeiro. Cando non se sabe nin se pode, o mellor é desistir. Desisto. Desisto para correr detrás dunha lebre por entre as matogueiras do Outeiro Barbeiro. O único que consigo é encherme de rabuñaduras e perder de vista ó animal nun amén. Pola súa velocidade. Pola miña inexistente axilidade. Desisto tamén. Recuar, deixar de facer intentos imposibles é de intelixentes e listos. Son máis burricán que os asnos, pero... Pero, aínda intelixente e listo, son un testán, un teimudo. Intento, daquela, bailar un agarrado e, non sabendo, paso inmediatamente a un baile roqueiro, que é moito máis aloucado, tarambaina, toleirón. É dicir, quería ser un cantante melodioso ou mexeriqueiro e son o Elvis Presley dos seus inicios, dos seus comezos.
Non sempre podemos facer o que queremos. Ou ben porque non sabemos ou ben porque non nos alcanza. Porque non damos para máis. Iso si, seguimos dálle que dálle ós imposibles, coa esperanza de que algún día algo caerá. Nunca cae nada, claro. Posiblemente non sabemos dar as acometidas apropiadas. Non sabemos buscar a liña recta. O rego dereito. O mellor camiño. A mellor páxina en branco. A opción, quizais, máis sinxela. Non sabemos.
Quero navegar na Perla Negra e o único que teño son uns zancos para cruzar o río Arnoia. Polos mares e océanos, estes non me serven. Desisto unha vez máis. Para coller un avión e cruzar o Atlántico lembro que teño ás para voar. Desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas déixome caer e... emprendo o voo.
Cafetaría Beker. Ourense. Martes, 7 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario