martes, 21 de mayo de 2024

TAXAR O CORAZÓN


Taxei o meu corazón en mil euros tan só. Baratiño. Aínda que, iso si, mil euros por latexo, se entende. Tampouco estou coma para tirar a miña vida pola borda. Non quixera darlle o meu corazón ó primeiro ofertante. Hai que lembrar que teño un corazón de ouro e non é plan que o merque calquera espírito maligno. Os meus latexos non me mancan no peito por caralladas, non.

Solto, por exemplo, latexos pola emoción dunha simple, mellor, boa canción. Sabemos que hai cancións que emocionan e, outras, incluso que mancan. Tamén me bate o peito por unha película ben rodada e pola escena dunha habitación en penumbra ben fotografada. Coma polo asubío dun tema musical de Morricone e pola melancolía duns sintetizadores de Vangelis.


Mil euros por latexo é barato. Aínda que fale de millóns de palpitacións. Porque nun batido vai un verso, noutro toda unha novela, nun terceiro un recordo, nun cuarto un berro, e un instante de silencio, e un aloumiño nocturno, e unha lúa chea, e un ouleo compartido, e unha foto que impresiona, e o ondear da Perla Negra, e un gol do Celta. En cada latexo hai algo que, ó final, todo se mestura nun feixe, nun mollo, nunha gavela chea de vida. A vida son latexos sen cuartel. Fortes. Intensos. Rítmicos. Suorentos. Ansiosos. Cheos de medo e de angustia. Que golpean a tapa do peito suavemente e a ritmo de rock and roll. Os latexos, todos eles, bailan, buligan ó ritmo das emocións.

Case prefiro que ninguén me compre o corazón. Estou a gusto con el e con todo o que bambea, con todo o que se axita, mesmo cando ás veces semella que se detén. Cada latexo é un cachiño de vida. Desta vida que... é miña. A vida é bonita. Moi bonita. Definitivamente, elimino o de taxar o meu corazón.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 16 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario