Localicei o obxectivo. Estudeino con ansia. Mireino por todos os lados e incluso por arriba e por abaixo. Era estraño, raro, quizais único. Nin tan sequera sabería dicir moi ben a súa forma, describir a súa estrutura. Mesmo na cor era unha mestura de todas as cores habidas e por haber. Nin era grande nin pequeno, pero intuía que pesado. Nin era de madeira, nin de granito, nin de xeso, nin de cristal, nin de ningún material coñecido por estes lares. Aínda que intuín e, case aseguro, que non é un obxecto extraterrestre. Non sei por que, pero dáme que é noso, é dicir, terrícola.
O obxecto está á beira dunha toxeira chea de flores amarelas e, moi cerquiña, unha morea de xestas con cores brancas. Non intento movelo. Por un lado, estórbame a toxeira. Polo outro, sinceramente, téñolle, non medo, pero si respecto. O obxecto é tan estraño que non sei que pode ser, a maiores de todo o que levo descrito.
Penso na posibilidade de buscar e chamar a un especialista, a un xeólogo, pero dáme algo de carraxe non descubrir por min mesmo a realidade do obxecto e a súa procedencia. En principio vou sentar á súa beira e estudalo aínda algo máis, mesmo apalpándoo un pouco, a ver se me di algo, se as súas engurras, as súas rugosidades me din algo. Porque ten bastantes e, entre elas, quere asomar tamén algo indescritible. Polo menos a miña curta intelixencia non consegue describir esas outras cousas. A verdade é que empezo a desesperar ante tal situación. E como sigo coa teima de non pedir axuda, cuspo sobre o maldito obxecto, deixo caer catro insultos dos que non asustan a ninguén e marcho do lugar sen saber que é.
Cafetaría Beker. Ourense. Martes, 14 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario