A mañá amenceu espida e chea de azul, e a tarde empreñou con pequenas nubes grises. Secundino Folgoso, O Milhomes, está ó axexo. O de Milhomes é por ser pouquiña cousa; non pasa do metro e vinte centímetros. Tamén é feo e mal feito. Aínda así está ó axexo de Lucinda García, A Bonita. O alcume xa o di todo. É máis, quédase curto. Lucinda, a maiores de ser máis fermosa que bonita, ten un físico que mesmo fai babexar, que incluso a algúns lles mete medo iniciar un achegamento a ela.
Porén, O Milhomes non deixa de mirar para o seu soño. El sabe que tan só a pode soñar, pero sempre lle queda un algo, un cacho de esperanza que fai que unha e outra vez, que día tras día a busque tan só para mirala e baballar.
A Bonita sabe que O Milhomes a mira. Ela non se lle esconde porque lle dá un pouco de pena, de mágoa. De cando en vez deixa que lle asome un sorriso para gozar coa expresión, co brillo dos ollos del. Ela déixase ver e de cando en cando o saúda, mesmo se para a comentar algunhas cousas con el. Aí O Milhomes bota a man ó peito por se lle rebenta o corazón coa emoción. Nestas ocasións, axiña marcha feliz e contento, aínda que non tarda en buscala de novo, en buscar outro sorriso, outro saúdo, outro cruce de palabras.
Secundino Folgoso, O Milhomes, quere ser astronauta para coller a lúa, baixala e poñela ós pés de Lucinda García, A Bonita. O Milhomes, cando soña, soña ó grande, non se queda nunha simple canción dedicada. Canta polo baixiño a que está pensando e non deixa de axexar cara á Lucinda. A tarde gris, pouco a pouco, pare, dá a luz as sombras do luscofusco.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 9 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario