Quixen estirar a idea que me saíu da cabeza, pero non deu máis de si. Quedei a velas vir. Agora mesmo non sei moi ben se tal idea engarrara en algún obstáculo ou simplemente era o que era. É igual; xa intentarei parir outra. Non sei quen me dixo unha vez “a túa cabeza non para”. É certo, non para. Non para a de ninguén, o que pasa é que unhas cabezas ferven antes que outras, bulen máis que outras. Claro que, despois, tamén está a cuestión de pregoalas ou non. Digo as ideas. Hai xente que as remoe e as garda, mentres que outros cuspímolas tan rapidamente que, ás veces, nin lles damos tempo a desenvolverse por completo. Soltámolas a medias. Soltámolas sen analizar, sen que crezan dereitas, sen xeito, ás carreiras.
Intento regalas aínda dentro de min para que abrollen xa cunha certa estrutura, cun certo sentido. O que pasa é que, algunhas veces, por circunstancias, teño que cuspilas case á velocidade da luz e, claro, coxean de tal maneira que acaban por non terse entre as liñas da páxina en branco. E de ideas pasan a ruxerruxes, a incertezas, a trapalladas que van e vén a ritmo dos tragos do café.
Recoñezo que as ideas aparecen mellor co silencio, nas noites de silencio, mais eu, dálle que dálle, a esparexelas, a espallalas nas tardes de café. O ruído non é bo conselleiro para a análise dun soño, dunha esperanza, dun pensamento, dun sentimento e o silencio, ás veces, é difícil de conseguir.
Si, o mellor foi iso, que a idea que quixen estirar non saíu por completo, porque lle colleu medo ó ruído. Deixo polo tanto de estirala e quedo en silencio para a ver se a próxima...
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 15 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario