Xa está ben, díxolle un a outro; tanta chuvia, tanta auga... Chove sobre a conciencia dalgúns e sobre as cabezas doutros. Chove pinga a pinga, gota a gota e seica botará uns días chovendo. Pero como dicía aquel outro: que chova!
Aquí, neste noso país, sabemos convivir e vivir coas adversidades: políticas, deportivas, sociais, económicas, climatolóxicas, culturais, científicas... Sempre o fixemos, mesmo cos infortunios máis adversos. Porque nunca o tivemos fácil. Esta nosa rexión case sempre foi un cero á esquerda. Para o centro, claro. Aquí agachamos a orella e dobregamos o lombo ante unha promesa falsa e un sorriso burlón.
Pingas de carraxe caen sobre o papel porque, de cando en vez, asoma a miña vea torta e digo cousas que tardo en dicir, aínda que as pensase hai tempo. Hoxe déuseme por aí. O de ser torto unha vez máis. Ó mellor a culpa si pode ser do tempo, que non axuda un carallo. A chuvia é necesaria, pero cansa. A chuvia é bonita, pero molesta. A chuvia sempre cómpre, pero aburre.
O aburrimento intento vencelo esbardallando sobre temas que non entendo, pero que, de cando en cando, deixo caer. Ata poida que alguén, algunha vez, me dea a razón. Ou que intenten endereitarme. Aínda que isto, a estas alturas da miña vida, aseguro que non o vai conseguir ninguén. Non o fixo miña nai de cativo —que é cando se di que hai que guiar ben ó ser humano—, menos o farán agora uns que se cren demasiado listos.
Chove sobre o rego torcido, é dicir, sobre min, mais non me importa mollarme. Cando queira e poida xa secarei. Secareime eu. Non deixarei que me enxuguen.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 13 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario