lunes, 27 de mayo de 2024

ACTOS INÚTILES E ESTÚPIDOS


O odio, a carraxe, a mala hostia leva ás veces a cometer actos inútiles e estúpidos. Levo xa uns días nos que noto e vexo como alguén, ó ler o periódico, nun bar concreto, sempre resga, sempre rompe, sempre pica un cacho da folla onde aparece a foto de Pedro Sánchez. O cacho é, por suposto, a cara.

A min, o presidente do Goberno Pedro Sánchez, nin me vai nin me vén, aínda que se teño que elixir entre esquerdas e dereitas (é sabido que no noso país só hai dúas opcións: branco ou negro, PP ou PSOE, esquerdas ou dereitas, Real Madrid ou Barcelona; todo o demais que o parta un raio), creo que non será necesario que o diga, pois os que me len e me coñecen algo saben por onde collería. O presidente nin me vai nin me vén, pero si son un fanático dos periódicos e aínda que só sexa pola estética, non sei que me parece esa rachadela na páxina. A maiores de que, o xornal, nun bar, é para que o lean moitos clientes, non só ese ou esa que tritura a cara de Sánchez.


Dicía que cometía actos inútiles e estúpidos porque, segurísimo!, que Pedro Sánchez nin tan sequera saberá que existe tal individuo que lle quere tal mal. Acto inútil e estúpido que, por moito que fure co bolígrafo ou o garfo ou a culler, o presidente seguirá sendo presidente ata que deixe de selo e seguirá vivindo a súa vida sen saber, repito, que hai un ser humano curto de mente que lle tritura os miolos nunha folla de periódico. Un periódico que non é del ou dela e que o vai usar máis xente.

Ás veces cometemos actos porque a nosa intelixencia é a que é, e por moito que o intentemos, non dá para máis. A deste señor ou señora, home ou muller, é moi curtiña.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 24 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario