sábado, 18 de mayo de 2024

MEDIDAS ESPERPÉNTICAS


Hai noticias que revolven o estómago. E se están relacionadas coa agricultura, en xeral, e cos labregos, en particular, tal malestar vólvese xa vómito. Os gandeiros da Veiga quéixanse das denuncias e sancións por ter cans soltos gardando as vacas. Porén, a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático recomenda ter cans para protexer o gando contra o lobo. En que quedamos? Cae de caixón de que os gandeiros non van ter os cans presos se realmente queren que vixíen, que axexen nos animais.


O que pasa é que no noso país sempre se tomaron medidas tan esperpénticas que tes que chegar á forza á seguinte conclusión (algo que xa teño denunciado moitas veces): que todas esas medidas (ía dicir que se estudan, pero non; simplemente se toman), principalmente as relacionadas coa agricultura e gandaría, realízanse nuns bonitos despachos nos que, iso si, as mesas, pensan eles, semellarán leiras ou parcelas. E así non saben que desde que o mundo é mundo as vacas sempre se gardaron con cans, que, por suposto, teñen que estar soltos para poder tornalas cando sexa a ocasión.

Tamén desde que o mundo é mundo, a agricultura, os labregos sempre foron os máis castigados por eses asesores ou xefes ou políticos ou “entendidos” máis esperpénticos. Vénme á cabeza o reparto ou distribución das terras de cando se iniciaron as axudas da PAC: que tanto en Bruxelas como en Madrid empezaron a falar de áreas e hectáreas como se esas medidas fosen igual en Castela, por exemplo, que en Galicia. Aquí sabemos moi ben que unha simple hectárea non é o mesmo en cada unha desas Comunidades. Así, á lixeira, podo dicir que unha hectárea castelá é coma un simple recantiño da leira, mentres que a hectárea galega son como mínimo unhas cincuenta leiriñas das nosas. Pois iso “os entendidos” non o vían. Ou se o vían dáballes igual.

Exactamente coma o asunto dos cans; que son para gardar as vacas, pero non poden andar soltos. Manda truco na gandaría! Non me estraña que se queixen os da Veiga e os de calquera lugar de Galicia. Como dicía aquel... entre as marcas das orellas (os crotales), o non poder levar as vacas polas estradas (se se levan hainas que levar pola corda, e aqueles que teñan medio cento de vacas, non chegan os veciños da aldea para levalas desa maneira), os libros da explotación, etcétera, están a facerlle a vida imposible.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 18 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario