miércoles, 29 de mayo de 2024

QUE FOSE POLA SOMBRA


Pensei que só era eu o que lle caía aburrido á xente coas miñas lerias, coas miñas parolas (a muller, cada vez que lle digo que tal ou cal persoa fala polos cóbados, sempre me di que son o menos indicado para criticar ós demais, que me chega ben o que esbardallo, o que badúo), digo que pensaba que só era eu o charlatán, pero resulta que estou da miña sombra ata as orellas! Acabo de realizar unha andaina polas pistas da contorna e matoume a cabeza!


Ela, a miña propia sombra, dicíame que fose pola sombra pola outra, pola dos edificios, que a canícula era tan forte que mesmo me podía facer mal. Entenderá que se eu o paso mal, ela tamén levará as de perder. Como non lle facía moito caso (non hai moito un endócrino díxome que tiña falta de vitamina D, algo do que alucinei, pois sempre leo ó sol e sempre traballei baixo a canícula), volveume tolo coas súas parolas. Unhas parolas bastante estrañas, que case non oía ás veces. Cando a sombra se alongaba, era certo que berraba abondo, pero cando era curtiña, cando case estaba pegada a min, falaba tan baixiño que, a maiores do ruído da música que saía polos auriculares, me custaba horrores oíla, saber o que dicía. Aínda que, a dicir verdade, xa me daba igual porque, repito, só adoitaba soltar a ladaíña de que fose pola sombra. Para min que me quería deixar; entendo que se vou pola sombra, non teño sombra.

A ver, matoume a cabeza, e aburriume, pero, que queredes, téñolle cariño. É a única que me acompaña sempre cando ando ó sol. Sempre acostuma a non dar un chío, a non dicir palabra. Hoxe pasouse un pouco. Esbardallou a darlle cun sacho.


Café Beker. Ourense. Martes, 28 de maio de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario